7 de febrero de 2012

Presentación de Vencello en Vigo

Este xoves, 9 de febreiro, estaremos en Vigo presentando Vencello. Será no marco das IV Xeiras sobre a Lingua Galega, unhas xornadas organizadas pola organización estudantil Comités en colaboración coa Universidade de Vigo.

O acto terá lugar ás 16.00h na Sala I do Edificio Miralles. Así mesmo, haberá retransmisión a través de streaming a través da UVigo TV.

Podedes atopar máis información e o programa completo no web das xornadas, www.xeiras.info

27 de enero de 2012

Novo blogue na incubadora: A Novena Dimensión

Hoxe traémosvos a nova de que incorporamos un novo blogue á Incubadora de Vencello. Coa Novena Dimensión introducímonos no mundo da Banda Deseñada, onde trataremos dos comics en xeral, desde as novas dos EEUU até a actualidade do panorama da banda deseñada en Europa.

A Novena Dimensión está impulsada nun primeiro momento por Abel Rodríguez, mais, coma sempre, este blogue está aberto a novas incorporacións, e se queres escribir nel non tes máis que contactar connosco. Así mesmo, lembrámosche que se queres incorporar unha nova temática á Incubadora non tes máis que encher o noso formulario.

17 de enero de 2012

Vencello súmase ao proxecto Vitaminas para o galego

Vencello, desde o seu nacemento, xurdiu cun compromiso firme pola nosa lingua, e por iso hoxe sentímonos orgullosos de anunciar que a nosa rede súmase ao proxecto Vitaminas para o galego, unha iniciativa na que participan moitos sitios de referencia na Internet galega, como Galicia Confidencial, Tempos Novos, Praza Pública, Novas da Galiza, Radiofusión, Valminor.info, Quepasanacosta, Certo.gl, O Sil, Crónica3, Terrachá.xa, Hermes e Atenea, surfgz.com, Disquecool e Cabozo, pero que día a día está a medrar e conquerir novos apoios.

Vitaminas para o galego servirá para facer unha campaña de sensibilización e apoio aos medios que empregamos a lingua galega.

O galego precisa vitaminas, súmate!

28 de noviembre de 2011

Presentación de Vencello en Ourense

O Campus de Ourense acollerá mañá, martes 29 de novembro, a primeira presentación pública de Vencello, no marco das II Xornadas do Estudantado Galego, organizadas pola organización estudantil Comités en colaboración co Vicerreitorado do Campus de Ourense.

A mesa terá lugar a partires das 16.00h na Aula Magna da Facultade de Ciencias Empresariais de Ourense.

O programa completo das xornadas pódese descargar desde esta ligazón (pdf).

9 de noviembre de 2011

Un novo blogue incubado: GZ Titoriais

Hoxe incorporamos un novo blogue á Incubadora: GZ Titoriais.

GZ Titoriais, impulsado por Diego Reiriz Cores, é un blogue que se adicará a ensinar como utilizar todo tipo de elementos relacionados co mundo da infórmatica, abarcando desde titoriais de programas de edición, a programas xestores de bases de datos pasando por algunha linguaxe de programación como pode ser Java ou HTML.

A intención dos autores é que todo isto se faga na medida do posible a través de videotitoriais, facendo asi que sexa moito máis doado e entretido aprender todo tipo de cousas.

Podedes ver o seu video de introdución aquí.

21 de octubre de 2011

A economía chega á Incubadora con Enxebre Markets

Hoxe presentamos un novo blogue: O mundo financieiro e bursátil chega á Incubadora de Vencello.

En Enxebre Markets, coordinado por Francisco Javier Lodeiro Amado, trataranse principalmente temas de economía e investimentos, analizando tanto teoría económica e bolsista como temas de actualidade.

Se queres escribir neste blogue non tes máis que contactar connosco, e se tes unha nova temática para incorporar á Incubadora tes acceso ao formulario para crealo nesta páxina.

19 de octubre de 2011

Rocking na eira, novo blogue incubado de Vencello

A Incubadora de Vencello segue a medrar, desta vez co nacemento dun blogue musical, Rocking na eira, no que Diego Figueira e Hugo Costa irán contándonos anécdotas e descubrindo novos grupos e temas.

Malia que nun primeiro momento esté enfocado desde o mundo do rock, o certo é que Rocking na eira contará cun punto de vista moi amplo con respecto aos estilos musicais e, en definitiva, con todo aquilo que mereza a pena ser escoitado.

Así que agora xa podedes subir o volume dos vosos aparellos e pasar polo espazo musical de Vencello, Rocking na eira